O pasado 22 de maio, poucos días despois do Día das Letras Galegas, vivimos unha xornada moi especial no CEP Marcos da Portela. Todo o alumnado, xunto coas familias, o profesorado e o alumnado de EEI Fina Casalderrey, reunímonos no patio do cole para celebrar a nosa música e tradicións galegas.
Nun ambiente cheo de alegría e emoción, cantamos todos xuntos algunhas das cantigas máis coñecidas da nosa terra, como A Virxe de Guadalupe, O Galo, Catro vellos mariñeiros e A Rianxeira. Ademais, tivemos a sorte de contar cun grupo de música tradicional que nos acompañou con pandeiretas e gaita, enchendo o patio de ritmo e espírito galego.
Foi unha experiencia moi bonita para compartir en comunidade, celebrar a nosa cultura e seguir mantendo vivas as tradicións galegas entre os máis pequenos e pequenas.
Para celebrar as Letras Galegas deste ano tivemos varios actos nos que a lingua galega foi a protagonista xunto á autora homenaxeada este ano, Begoña Caamaño.
Este venres día 15, tivemos unha emocionante actuación a cargo de Manuela, a través da cal soubemos da vida e obra de Begoña Caamaño.
Preme para ver fotos e vídeos
Esta semana, para continuar a celebrar o Día das Letras, tivemos obradoiros da lingua con adiviñas, contos e dramatizacións, que nos fixeron botar unhas risadas.
Este ano o Día das Letras Galegas foi dedicado ás cantareiras e a poesía popular oral, en especial a seis mulleres galegas, creadoras e trasmisoras de arte e beleza: Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira e as Pandereteiras de Mens (Prudencia Garrido Ameijende, Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar).
Ao longo da semana puidemos gozar de distintas actividades e actuacións.
A cargo do mago Samuel Moreno aprendemos moitos datos deste día mediante un espectáculo de maxia.
O grupo de pandereteiras "Cantarela" sorprendeunos cun marabilloso concerto de cantigas galegas. Un grupo moi especial, xa que os seus integrantes forman parte da nosa comunidade educativa (unha alumna do centro, antigas alumnas e mestras, así como familiares de exalumnos). Tamén se animaron a subir ao escenario outras nenas pandereteiras que temos no cole.
Durante os recreos o alumnado puido participar en dous obradoiros: "A Lupa máxica" e "Pintamos pandeiretas". No primeiro deles adiviñaron distintas palabras relacionadas co mundo das cantareiras axudándose cunha lupa. Unha actividade moi entretida do Seminario Galán. Na segunda deron renda solta a súa creatividade pintando pandeiretas para decorar a biblioteca.
Hoxe tivemos a sorte de ter con nós, "Contos para Manuela". Unha representación sobre a vida de Luisa Villalta, a autora homenaxeada das Letras Galegas deste 2024.
Con esta teatralización puidemos repasar que Luisa naceu en A Coruña, foi profesora de Lingua Galega e Literatura, encantáballe a música, escribir poesía e adoraba o galego e a súa Galicia.
Moitas grazas por ensinarnos tantas cousas sobre esta gran muller. Ata a próxima!
Co gallo do Día das Letras Galegas convocouse un certame de debuxo para realizar un adhesivo. A gañadora foi Noa Rodríguez de 5º A!! Parabéns por este debuxo que nos invita a abrirlle as portas ao galego!!
Houbo outros/as participantes que tamén presentaron debuxos magníficos como podedes comprobar a continuación:
Este ano, por mor da COVID, non puido celebrarse o noso Festival das Letras. Que mágoa non poder desfrutar das estupendas actuacións do alumnado do noso centro! Non obstante, non deixamos de festexar este día cunha fermosa muiñeira bailada por todo o alumnado e profesorado do centro.
Por outra banda, coma sempre, grazas a nosa ANPA e á avoa dun alumno de 1º, Esperanza Marín, puidemos coñecer de preto e desfrutar da exposición duns preciosos traxes tradicionais galegos.