venres, novembro 06, 2026

MAGOSTO 2026

O venres 6 de novembro celebramos o noso Magosto cunhas deliciosas castañas quentiñas, que estaban para chuparse os dedos! 🌰🔥

O bo tempo acompañounos e permitiunos gozar dunha xornada chea de xogos, risas e bos momentos compartidos.

O alumnado de 1º a 5º participou nunha morea de xogos populares e tradicionais, recuperando e mantendo vivas aquelas actividades coas que xa se divertían os nosos devanceiros. Unha oportunidade estupenda para coñecer, valorar e gozar do noso patrimonio cultural.

Pola súa banda, o alumnado de 6º realizou a súa tradicional saída ao miradoiro, onde tamén puido participar en diferentes xogos populares, compartindo momentos de diversión e convivencia.

Un día estupendo para celebrar o Magosto, manter vivas as nosas tradicións e desfrutar xuntos da chegada do outono! 🍂






                                              




venres, outubro 30, 2026

SAMAÍN 2026

Un ano máis, a nosa exposición de cabazas polo Samaín volveunos sorprender coa súa orixinalidade e creatividade. 

Un resultado fantástico que é posible grazas á ilusión e ao enorme traballo de nenos e nenas, así como das súas familias e de todas as persoas que participan.

Ademais, a entrada do centro luciu unha decoración espectacular, realizada, como xa é tradición, pola nosa ANPA. Moitísimas grazas pola vosa dedicación e colaboración!

Aquí vos deixamos un vídeo para que poidades desfrutar do resultado. 🎃


                 
  

                                                  
                                                                                                                                                                      

Este ano, o universo foi o protagonista da nosa exposición de cabazas. 🌌🚀 As nosas creacións encheron o corredor do cole de estrelas, planetas, galaxias e moita imaxinación!

Parabéns a todos os nenos e nenas que participaron e, especialmente, aos gañadores e gañadoras, que recibiron cadanseu cheque da ANPA para  comprar material educativo.


                                          


                       1º Premio: Fátima Dios e Maja Pastoriza (6º A)
                       2º Premio: Mateo Bugallo (3º B)
                       3º Premio: Nicolás Tourón (5º B)














SAMAÍN NA BIBLIOTECA


Coa chegada do Samaín, a nosa biblioteca encheuse de misterio e diversión cunha auténtica semana de medo durante os recreos! 🎃👻

Ao longo destes días, o alumnado puido participar en diferentes actividades: contacontos, manualidades, proxeccións e moitas máis sorpresas.

Queremos agradecer especialmente ao equipo de Biblioteca pola súa implicación para facer posible esta experiencia.

Deixámosvos un pequeno vídeo para lembrar algúns dos momentos do ben que o pasamos! 🧙‍♀️




A maxia dos contos chegou ao noso cole da man da nosa compañeira e docente Andrea, que nos agasallou cun fantástico contacontos para todo o alumnado do centro. 📚✨

Con moita ilusión, entusiasmo e talento, conseguiu captar a atención da cativada e mergullarnos a todos e todas nunha historia chea de maxia, emoción e imaxinación.

Unha experiencia que conquistou o público de principio a fin!

Parabéns, Andrea, e mil grazas pola túa implicación, creatividade e por compartir con nós momentos tan especiais! ❤️



GAÑADORES/AS DO II CERTAME DE RELATOS TERRORÍFICOS



Os nenos e nenas do CEP Marcos da Portela conseguiron manternos intrigados ata o final cos seus fantásticos e terroríficos relatos. Historias cheas de misterio e suspense que, ademais de poñernos os pelos de punta, tamén nos arrancaron algún sorriso cos seus desenlaces orixinais e divertidos. 👻📖

Parabéns a todos e todas pola vosa creatividade e participación, e unha felicitación especial aos gañadores e gañadoras!



  Gañadoras: Sara Cardalda (4º B), Xisela Alvariño (5º B) e Berta Vilariño (6º B).








martes, xuño 30, 2026

mércores, xuño 03, 2026

SALÓN DO LIBRO 2026 "QUE NON PARE A MÚSICA"

 Magníficos vídeos que se realizaron para o SALÓN DO LIBRO que este ano tiña como lema "Que non pare a música"!

Estes traballos forman parte do proxecto "Contos en cantos", unha actividade do PDI do centro que neste ano xiraba arredor da música.

Se queredes escoitar só as cancións, recordade que están no canal iVOOX do noso centro.

A Mosca Chosca

O alumnado de 4º de Primaria do CEP Marcos da Portela interpreta "A Mosca Chosca", unha canción inspirada nun conto de Eva Mejuto e Sergio Mora.


O blues do Gato Lambón

O alumnado de 2º de Primaria do CEP Marcos da Portela interpreta "O blues do Gato Lambón", unha canción inspirada no conto de Patacrúa e Oliverio Dumas. 


"Reducir, reciclar, reutilizar"

O alumnado de 6º de Primaria do CEP Marcos da Portela interpreta "Reducir, reciclar, reutilizar", unha canción inspirada no libro de Pepe Carreiro "Os Bolechas queren saber como producir menos lixo". 




martes, maio 26, 2026

Entre zocas, músicas e historias: un encontro con Ramón Caride

O alumnado de 6º de Educación Primaria do CEIP Marcos da Portela recibiu a visita do escritor galego Ramón Caride, nunha actividade organizada para promover a lectura e o uso da lingua galega. Durante o curso, os nenos e nenas leron algunhas das súas obras, como O misterio das zocas e As músicas viaxeiras, o que lles permitiu coñecer de primeira man o seu traballo e preparar preguntas para a visita.

Durante a xornada, Ramón Caride falou sobre a súa experiencia como escritor, o proceso de creación das súas historias e a importancia da lectura. A rapazada participou con moito interese, compartindo impresións sobre os libros lidos e desfrutando dun encontro próximo e enriquecedor.

A visita rematou cun dos momentos máis agardados: a firma de libros. O alumnado mostrouse moi ilusionado coa presenza do autor e levou un fermoso recordo desta experiencia, que sen dúbida contribúe a fortalecer o gusto pola lectura e a valorar a nosa lingua e literatura galegas.




luns, maio 25, 2026

MAIS ALÁ DAS BARREIRAS

 O pasado 25 de maio tivemos a sorte de recibir no CEP Marcos da Portela a visita de tres persoas con discapacidade física que compartiron connosco as súas historias de vida. Nun ambiente próximo e moi emotivo, explicáronnos como foi o proceso de adaptación a unha nova realidade chea de retos, pero tamén de aprendizaxes e superación. As súas palabras transmitiron sinceridade, valentía e unha enorme forza persoal.

Durante a charla, os nosos convidados falaron tamén do día a día dunha persoa con discapacidade: as dificultades que ás veces atopan, pero tamén da importancia da autonomía, do apoio das familias e da sociedade, e da necesidade de eliminar barreiras, tanto físicas como mentais. 


A actividade converteuse nunha auténtica lección de aceptación, respecto e empatía. Os alumnos e alumnas participaron con interese, fixeron preguntas e reflexionaron sobre a importancia de valorar ás persoas polo que son, e non polas súas limitacións. Desde o centro queremos agradecerlles profundamente esta visita tan enriquecedora, que nos axudou a seguir construíndo unha escola máis inclusiva, solidaria e chea de valores.

CANTA A RAPAZADA: CANTIGAS GALEGAS


 O pasado 22 de maio, poucos días despois do Día das Letras Galegas, vivimos unha xornada moi especial no CEP Marcos da Portela. Todo o alumnado, xunto coas familias, o profesorado e o alumnado de EEI Fina Casalderrey, reunímonos no patio do cole para celebrar a nosa música e tradicións galegas.

Nun ambiente cheo de alegría e emoción, cantamos todos xuntos algunhas das cantigas máis coñecidas da nosa terra, como A Virxe de Guadalupe, O Galo, Catro vellos mariñeiros e A Rianxeira. Ademais, tivemos a sorte de contar cun grupo de música tradicional que nos acompañou con pandeiretas e gaita, enchendo o patio de ritmo e espírito galego.

Foi unha experiencia moi bonita para compartir en comunidade, celebrar a nosa cultura e seguir mantendo vivas as tradicións galegas entre os máis pequenos e pequenas.


xoves, maio 21, 2026

CORRELINGUA 2026

 CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN!

Este xoves, día 21 de maio, asistimos á festa da lingua, é dicir, ao CORRELINGUA! Fixemos honor ao lema deste ano e levamos unha fermosa palabra sobre o noso corazón a modo de dorsal "lingüístico". 

Despois de escapar dun feroz dragón que cuspía ... auga, comezamos cun roteiro polas rúas da cidade, mentres cantamos as cantigas que xa prepararamos no "cole"; logo, na Alameda escoitamos  o manifesto na voz de Luis, O Caruncho; a continuación puidemos bailar coa actuación de Sniff & Crash.

Por último, o alcalde fixo entrega dos diplomas e continuou o baile. Foi estupendo!!





martes, maio 19, 2026

MAIO 2026

 Unha vez máis o Maio do Cep Marcos da Portela triunfou! Conseguimos primeiro premio en Maio, en interpretación de coplas, en composición de coplas  e terceiro premio en coroa!! E tamén nos outorgaron o premio especial de centros escolares!

 Parabéns e grazas  a todos/as os que participaron nesta festa tan nosa! Sobre todo as e os que sempre acoden para este gran traballo, aínda que xa  non teñan relación co centro. Para non deixar a ninguén sen nomear, non citamos nomes...

O luns, día 4, puidemos volver escoitar as coplas e admirar o fermoso maio, para que os que non asistiron á Ferraría puidesen desfrutar desta actuación.

PREME AQUÍ PARA VER O VÍDEO DO MAIO








LETRAS GALEGAS 2026


 Para celebrar as Letras Galegas deste ano tivemos varios actos nos que a lingua galega foi a protagonista xunto á autora homenaxeada este ano, Begoña Caamaño.

Este venres día 15, tivemos unha emocionante actuación a cargo de Manuela, a través da cal soubemos da vida e obra de Begoña Caamaño. 

Preme para ver fotos e vídeos

Esta semana, para continuar a celebrar o Día das Letras, tivemos obradoiros da lingua con adiviñas, contos e dramatizacións, que nos fixeron botar unhas risadas.







venres, maio 15, 2026

VISITA DA ILUSTRADORA ANDREA GARCÍA

Canto disfrutou o alumnado de 5º con esta ilustradora tan nova! Falounos de como debuxar e tamén de que é o que a levou a escribir. Todos e todas fixeron uns debuxos dos personaxes do seu último libro, titulado "Pantasmadas", que parecían de profesionais.

Logo debuxaron, por partes, un personaxe inventado entre cada tres alumnos, utilizando a man contraria, a boca, tapando os ollos... E puxéronlles un nome coas dúas inicias de cada un. Foi unha actividade moi creativa e entretida!




xoves, abril 23, 2026

DÍA DO LIBRO

 O equipo da biblioteca organizou unha fermosa actividade de lecturas compartidas. Que gusto dá velos así, interados e mergullados na lectura!



martes, abril 21, 2026

CONCERTO NO CONSERVATORIO

  Hoxe puidemos asistir a un emocionante  concerto no Conservatorio de Pontevedra. Escoitamos a estupenda narración de "A frauta máxica" á vez que desfrutabamos dun impresionante concerto. Previamente explicáronnos os diferentes instrumentos que participaban no mesmo. 







martes, marzo 10, 2026

DÍA MULLER

Para celebrar o Día da Muller e seguindo co tema do noso PDI, fixemos un mural onde aparecían CDs con información sobre diferentes mulleres que destacan ou  destacaron no ámbito da música.

Ademais gravouse un estupendo audio sobre o que representa este día que podedes escoitar nesta ligazón (iVOOX).






martes, marzo 03, 2026

RECITAL DE POESÍA "ROSALÍA DE CASTRO"

Que ben recitaron, maiores e pequenos/as, os versos de Rosalía e algún outro poeta! 

O máis emocionante deste recital foi escoitar o galego con acentos diversos: marroquí, sudamericano... Tan emocionante como o colofón deste día: todo o alumnado e profesorado fixeron resoar "Adiós, ríos; adiós, fontes"  de Rosalía de Castro no noso salón (comprobádeo nos seguintes vídeos). 

 Como todos e todas o fixeron tan ben, non puidemos establecer os tres premios estipulados, e cada participante recibiu un pequeno agasallo.

Tamén dispuxemos da exposición sobre esta autora durante toda a semana, e o alumnado mesmo os/as pequenos/as fixeron fermosos murais sobre a mesma.


PREME PARA VER MÁIS FOTOS








martes, febreiro 24, 2026

ENTROIDO 2026

 Moi musical foi este Entroido 2026! Houbo representantes de todo tipo de música: roqueiros, grupo Kiss, disc-jóckeys, rapeiros, músicos de "country"... que animaron  o desfile ao igual que as comparsas Os Canencos e Las Flores del Carnaval, que nos acompañaron unha vez máis, e aos cales estamos moi agradecidos.

Grazas tamén a todo o alumnado, ao profesorado e á profe Isa, por esas magníficas coplas, que, xunto coas compostas polo alumnado de 6º, contribuíron a realizar un xusto xuízo.



PREME NA FOTO
                                         

MAGOSTO 2026

O venres 6 de novembro celebramos o noso Magosto cunhas deliciosas castañas quentiñas, que estaban para chuparse os dedos! 🌰🔥 O bo tempo a...